A Xunta lanza un novo curso dixital para docentes e formadores para o emprego

Muller usando un portátil.
28Xuñ

A Xunta lanza un novo curso dixital para docentes e formadores para o emprego

Santiago de Compostela
  • A nova edición de `Formadores Dixitais´ impartirá coñecementos sobre formación en liña a 100 persoas vencelladas coa formación profesional para o emprego
  • As persoas alumnas terán 90 horas de formación en vídeo, sesións en directo e titorías levadas a cabo por un equipo de 15 persoas de recoñecido prestixio neste eido
  • O Goberno autonómico prosegue na súa aposta pola formación dixital dentro do marco da creación dun Campus Virtual que recolla toda a información da formación para o emprego na Comunidade

Unha nova edición do programa de cualificación dixital Formadores Dixitais estará dispoñible do 1 de setembro ao 28 de outubro deste ano cunha aprendizaxe completamente en liña, en consonancia cunha formación que avanza na dixitalización e que quere ser accesible para todas e todos.

Este programa que renova o Goberno galego está dirixido a todo aquel persoal formador para o emprego interesado en profundizar e avanzar nos seus coñecementos sobre aprendizaxe na rede e estará dispoñible para 100 persoas.

Serán, en total, 90 horas de curso coa suma de vídeos formativos, sesións en directo e titorizacións realizadas por un equipo de 15 persoas de prestixio no ámbito da capacitación dixital. Os e as participantes deberán entregar, ao final do curso, un proxecto final onde reflictan os coñecementos adquiridos. As persoas interesadas poderán inscribirse ata o 23 de xullo a través dun formulario web na páxina http://www.formadoresdixitais.com

Campus Virtual

Esta iniciativa inscríbese dentro da estratexia do Executivo galego dunha formación para o emprego accesible e dixitalizada con medidas pioneiras como a creación dun Campus Virtual que recollerá toda a oferta formativa da Xunta para persoas empregadas e desocupadas. Serán usuarias destes 1.700 cursos un total de 15.000 alumnas e alumnos ao ano. Este Campus estará ao dispor das preto de 1.100 entidades formativas acreditadas en Galicia e dos trece centros de formación da Consellería de Emprego e Igualdade

Nesta vía a Xunta traballa por satisfacer unha demanda da sociedade galega nun ecosistema que permitirá a adaptabilidade e a liberdade na impartición e recepción dos cursos, favorecendo así valores e eixos de cambio como pode ser a conciliación no traballo.