Santiago, 21 de febreiro de 2013.-A Rede de Aulas para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica de Galicia (CeMIT) da Xunta no seu afán de facilitar o acceso á Rede, realizou novas melloras no portal web da Rede CeMIT que facilitará o proceso de inscrición, axilizando o proceso de alta na Rede e reducindo os tempos de inscrición.
Deste xeito, os novos usuarios que se dean de alta no portal, recibirán instantaneamente no seu correo o seu usuario e contrasinal, o que lles permitirá matricularse no mesmo momento nos cursos que desexen.
O portal da Rede CeMIT foi completamente renovado en maio do ano pasado, simplificando o acceso a toda a información relacionada coas actividades dos seus 98 centros e incorporando novos servizos, que facilitan os trámites online aos usuarios e reservar praza nas distintas actividades programadas, chegándolle a confirmación da matrícula vía email.
Outra das novidades que se incorporara nesta renovación era a posibilidade de que os usuarios da Rede poidan ver o seu historial académico e cumprimentar as enquisas de satisfacción asociadas ás actividades nas que participaron a través da web.
Podes informarte acerca do uso da Web no documento adxunto:
MANUAL DE USO - Novas melloras da Web CeMIT
Rede CeMIT
A Rede CeMIT, está integrada por 98 aulas presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo é promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.
Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de “aula aberta”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información |
Suxestións e queixas |
Aviso Legal |
Atendémolo/a |
RSS