Máis de 140 persoas participaron este verán na iniciativa de capacitación dixital da Cruz Vermella e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

Participantes de Enredando Tour.
3Out

Máis de 140 persoas participaron este verán na iniciativa de capacitación dixital da Cruz Vermella e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

  • O “Enredando Tour” percorreu 20 localidades das catro provincias con obradoiros sobre competencias dixitais básicas
  • A maioría das persoas participantes nas actividades desta aula móbil foron mulleres de máis de 55 anos procedentes de pobos e contornas rurais
     

Máis de 140 persoas participaron nas distintas actividades da iniciativa “Enredando Tour”, organizada pola Cruz Vermella e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, para impulsar a autonomía dixital das persoas con 55 ou máis anos. A iniciativa pechouse esta mañá en Santiago de Compostela, nun acto no que participaron o director de Área de Sociedade Dixital da Axencia autonómica, Miguel Rodríguez Quelle; e o presidente comarcal de Cruz Vermella na capital galega, José Luis Barreiro Conde.

O circuíto, que se desenvolveu entre o 10 de xullo e o 27 de setembro, percorreu unha vintena de localidades das catro provincias galegas. En cada unha das 20 localidades instalouse unha furgoneta equipada con materiais dixitais de Cruz Vermella, desde a que se ofrecían 4 talleres para elixir: navegar por internet e correo electrónico; utilizar a mensaxería instantánea para comunicarse; facer xestións cotiás co Sergas, banca electrónica ou compras online ou ben coñecer a factura electrónica. As persoas participantes podían escoller, segundo os seus gustos e intereses, entre diferentes dispositivos: Smartphonetablet ou portátil.

En cada localidade impartíronse obradoiros adaptados ás necesidades das persoas, ao seu nivel de coñecemento tecnolóxico e aos seus intereses dixitais. O “Enredando Tour Amtega” sumou máis de 100 horas de capacitación en competencias dixitais básicas e percorreu preto de 1.500 quilómetros entre xullo e finais de setembro.

Un dos aspectos destacados desta iniciativa é o de fomentar o achegamento da contorna dixital ás persoas que viven en núcleos rurais grazas á furgoneta que transporta os dispositivos e accesorios necesarios. As aulas móbiles localízanse en zonas céntricas ou prazas, o que facilita ao máximo a asistencia das persoas, non tendo que desprazarse a unha cidade ou a outro pobo.

Tanto quen participou no circuíto como as persoas que queiran achegarse ao mundo dixital e contar con asesoramento, teñen á súa disposición a páxina enredando.gal.

Plan DigiTalent

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) ten entre os seus obxectivos o de facilitar á cidadanía a adquisición de competencias dixitais e reducir a fenda de acceso aos servizos dixitais por parte dos colectivos máis vulnerables. Estes obxectivos están recollidos no Plan DigiTalent 2030: Camiña en Dixital, no que se enmarca a actividade da Rede de Aulas CeMIT e esta actuación en colaboración con Cruz Vermella. 

Sobre Cruz Vermella

Cruz Vermella leva 159 anos colaborando con entidades públicas e privadas para que a humanidade e a dignidade chegue a todas as persoas en calquera lugar e en todo momento e circunstancias.

En España, Cruz Vermella conta con máis de 263.000 persoas voluntarias dando resposta en máis de 6.500 municipios, que permiten atender anualmente a máis de 12,2 millóns de persoas no ámbito nacional e ter máis de 13,4 millóns de persoas como beneficiarias no ámbito internacional e máis de 8 millóns de persoas en actividades de sensibilización e contorna. Todo iso co apoio de preto de 1,4 millóns de socios, empresas e aliados en todos os sectores da sociedade.